Este xoves a Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico, REMA, celebra unha reunión do seu Consello no Museo da Fábrica de Sel de Muros a partir das 11.30 horas, que contará coa participación dos representantes dos diferentes espazos expositivos galegos que pertencen á rede.
O obxectivo deste encontro é o de informar sobre o progreso da iniciativa, detallar as actividades programadas para o período 2018-2019 e dar conta das solicitudes de novas adhesións á rede. Ademais, está previsto falar sobre a visita realizada a Francia para establecer contacto coa rede de museos da Bretaña francesa.
Na actualidade, o colectivo cuxo Consello preside a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso Torres, conta con oito museos galegos adheridos ademais do Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal). Ademais, a Rede foi contactada por varias institucións interesadas en formalizar a súa pertenza ao colectivo. Todos estes espazos teñen en común a súa orientación cara temáticas vencelladas ao mar dende distintas ópticas: etnografía, historia, patrimonio ou natureza.
A reunión contará coa presencia da directiva da Rede e os xerentes dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. Os promotores da entidade tamén convidaron aos responsables de varios museos e exposicións galegas a participar no encontro co fin de coñecer de primeira man as vantaxes de pertencer a esta rede colaborativa.