Mellora das políticas públicas no patrimonio cultural có proxecto "Keep On"

Coa finalidade de mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural para desenvolver proxectos sostibles e con impacto no desenvolvemento rexional, presentouse o proxecto "Keep On" co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, e polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

Este proxecto de cooperación interterritorial está liderado polo Inorde e ten como socios a entidades de Polonia, Grecia, Países Baixos, Portugal, Italia e Croacia. De tal modo que, o Inorde capta un novo fondo da Unión Europea con este proxecto, dentro do programa INTERREG Europa (FEDER), que ascende a 1.370.543 euros, dos cales a achega do Inorde é de 316.840 euros, e cinco anos de execución e seguimento.

O obxectivo xeral é "aumentar a efectividade das políticas públicas para proxectos duradeiros e autosostibles no sector do patrimonio cultural, tanto nas rexións que participan no proxecto, como en outros territorios da Unión Europea". Así mesmo, Rosendo Fernández dixo que o obxectivo que persegue o Inorde xuntos cos seus socios é "buscar a sostibilidade de proxectos financiados con Fondos Europeos relacionados co patrimonio cultural, tanto material como inmaterial". Os eixos estratéxicos nos que se basean as actividades do proxecto son a xestión do proxecto, o intercambio de experiencias con accións en tódolos países, a organización de mesas temáticas e de sesións de formación interrexional, e a difusión dos obxectivos logrados conxuntamente, cunha conferencia de clausura que terá lugar en Ourense.

O programa da reunión de lanzamento organizado recolle tamén diferentes actividades prácticas, así como intercambio de experiencias en diferentes puntos turísticos da provincia de Ourense: San Pedro de Rocas, o Laboratorio Agroindustrial do Inorde, a estación ferroviaria de Baños de Molgas, o parador de Santo Estevo e a estación dos Peares, para que os diferentes socios poidan coñecer unha parte da riqueza do patrimonio cultural da nosa provincia e debater sobre a sostibilidade do patrimonio cultural.

f_ depourense.es