Un festival en Santiago propón novas formas de achegarse a Rosalía

Esta sábado en Santiago celebrarase a segunda edición do Festival Rosalía, unha proposta cultural que se achega á memoria da autora de forma interdisciplinar e que deixa oco para novas iniciativas. 

Baixo o lema "unha cultura con superpoderes", o festival foi presentado pola concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Esta última adiantou que "haberá danza con Ánxela Blanco e Mónica de Nut, teatro e pasarrúas cos Quinquilláns, música para nenos e nenas con Uxía Senlle e actividades durante toda a xornada". Tamén se contará cun espazo de novidades coa presentación das últimas producións baseadas na autora e a súa obra e Vella Escola creará unha ilustración mural a grande escala realizada a spray. Pola tarde darán un obradoiro de rap en galego e farán unha reinterpretación urbana dos versos de Rosalía.

A edila de Igualdade, Marta Lois, fixo fincapé na "importancia da colaboración institucional para levar a cabo eventos deste tipo, que axudan a facer cidade e que buscan potenciar a figura de Rosalía nesa Compostela territorio das mulleres". O festival conta tamén con trece postos, cos que "se fomenta o comercio local e de proximidade, así como a autenticidade do mesmo".