O proxecto GALP Morada Atlántica recibiu a Mención Especial do xurado na terceira edición dos Premios Proxecto Atlántico outorgados pola Comisión Europea. Estes galardóns recoñecen as iniciativas levadas a cabo no marco dos proxectos europeos nos que se premian iniciativas de emprendemento e innovación, medio ambiente, novas tecnoloxías ou cooperación internacional, entre outras.
Morada Atlántica é un proxecto de cooperación interterritorial e transferencia de coñecemento no arco atlántico europeo e na actualidade está impulsado polos oito grupos GALP galegos e foi aprobado pola Consellería do Mar, financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Esta iniciativa consta de dúas liñas de traballo: Cociña Atlántica e a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), a través das que pretende acadar a configuración de produtos turísticos sustentables que permitan diversificar e desestacionalizar a oferta, aproveitando o carácter mariñeiro destas rexións como elemento de identidade.
A cerimonia de entrega tivo lugar no marco da 5ª Conferencia da Plataforma do Grupo Atlántico do sector marítimo-pesqueiro en Vigo. O xurado salientou a iniciativa Morada Atlántica pola súa labor de fomento da cooperación e a cohesión dos territorios marítimos do arco atlántico europeo baseándose na diversificación da actividade pesqueira, recollendo aspectos como a cultura gastronómica, o patrimonio e o turismo mariñeiro.
Este proxecto que naceu en Galicia impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte e da Costa Sostible -GALP 3 e 4-, ten vocación europea desde a súa orixe, acadando o interese de espazos atlánticos españois, como Andalucía e Canarias, e doutros países, como Portugal ou Francia. “Morada Atlántica” botou a andar no ano 2017 e na actualidade está a afrontar a súa segunda fase ampliando a participación na mesma a tódolos territorios GALP de Galicia de calquera zona de Europa.
O premio foi recollido por Evaristo Lareo Viñas, presidente do GALP Costa da Morte, en nome dos promotores desta iniciativa,recordando que "o proxecto naceu con clara vocación internacional, aberto e disposto a medrar". Fixeron entrega deste galardón Christos Economou, Xefe de Unidade na DG Mare da Comisión Europea, e Luis Marco Aguiriano Nalda, Secretario de Estado para a Unión.