O Son do camiño recoñecido como mellor festival revelación


Galicia estivo ben representada entre os gañadores da quinta edición dos Premios Fest, galardóns a nivel nacional que pretenden recoñecer, valorar e celebrar o traballo e a creatividade dos organizadores destes eventos. 

Entre as distincións conseguidas polos festivais galegos destaca a do Son do Camiño, que se convertiu no festival revelación de 2018 superando na ronda final ao Bull Music Festival e ao Festival Paraíso. 

Os organizadores deste festival, que reuniu no Monte do Gozo a artistas de talla internacional como The Killers, Jamiroquai ou Lenny Kravitz, agraderon ao seu público "por facer posible este soño. Por bailar, por sorrir, por saltar, por cantar, por brindar, por bicar por aplaudir e polo apoio". 



Paralelamente, o Resurrection Fest de Viveiro quedou confirmado como o festival con maior aportación turística e o Portamerica de Caldas de Reis conseguiu os premios á mellor zona de restauración e á mellor campaña de comunicación. 

O que non puidemos traer para a casa foi a distinción absoluta ao mellor festival de gran formato. Pese a que o Resurrection Fest e o Son do Camiño conseguiron converterse en dous dos tres finalistas, foron superados polo Bilbao BBk Live, que se alza como gran gañador deste ano.