
Ao día seguinte, na xornada do domingo 20 de novembro, promoverase cadansúa sesión informativa sobre viños valdeorreses en dúas escolas de hostalaría de Málaga. Cada unha destas escolas acollerá, igualmente, unha cata comentada de produto.
“Fomentar o coñecemento dos nosos viños no sur de España, onde existe cecais menos distribución do noso produto, era unha materia pendente da D.O. dende hai tempo”, afirmou García Pando. Por iso, considera que estas accións promocionais van axudar a que “se eleve o grao de coñecemento dos nosos viños en Andalucía”.
Os eventos de Málaga non serán os únicos de carácter promocional que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras impulse en novembro. Neste sentido, tamén Madrid acollerá un showroom de viños valdeorreses, no que participarán 20 adegas da comarca. Terá lugar no centro comercial ABC Serrano, entre as 15.30 e as 20.30 horas do vindeiro 12 de novembro, e dirixirase principalmente a potenciais consumidores finais.
Xunto a isto, o Pleno ven de aprobar que os viños de Valdeorras teñan presenza no foro London Wine Fair, que se celebra na capital británica en maio de 2019. Nese mesmo mes de maio, tamén haberá unha representación de viños valdeorreses na feira Vinexpo de Burdeos, unha das máis relevantes de Europa.