As Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega/ Boi Galego van celebrar unha Xornada Técnica conxunta, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o venres 26 de outubro.
Este encontro vai dirixido a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. A Xornada pretende informar sobre a situación actual da produción e comercialización da carne de vacún nun contexto marcado pola potenciación de novas iniciativas e a sustentabilidade ambiental, así como polas tendencias de mercado e consumo para a carne amparada polas Denominacións de calidade.
Durante as sesións abordaranse temáticas como a situación actual das IXPs, polo presidente do Consello Regulador, Jesús González; o seguro do gando vacún como ferramenta clave na xestión de riscos das explotacións, da man do director territorial noroeste de Agroseguro, Ramón Martín Blanco; a importancia das certificacións ambientais na produción de vacún a cargo do xestor medioambiental José Luis Cortiñas; o modelo irlandés na produción sostible de vacún de carne (Origin Green), que presentará a directora de Bord Bia España, Cecilia Ruiz; ou as tendencias no consumo e a importancia dos elaborados cárnicos, que explicará o presidente director xeral de Raza Nostra e presdiente de Cedecarne, Carlos Rodríguez-Marcos.
Neste encontro tamén se falará de experiencias reais na produción de Vaca e Boi en Galicia, que exporán tres criadores da provincia de Lugo: Ángel Santos (de Friol), Blas Vila (de Monterroso) e Eliseo Vázquez (de Paradela). A Xornada será clausurada por autoridades da Consellería do Medio Rural e finalizará cun xantar de confraternidade para todos os asistentes.