O alcalde do concello de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, será o primeiro presidente do Comité de Dirección do Parque do Megalitismo da Costa da Morte que acaba de celebrar a súa primeira reunión no Dolmen de Dombate. Na xuntanza participaron representantes dos concellos do Parque e o responsábel das áreas de Patrimonio e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, foi elixido este mércores primeiro presidente do Comité de Dirección do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, ao se decidir iniciar o turno por número de habitantes de menor a maior.
Alcaldes e representantes municipais dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas participaron nesta xuntanza que, segundo o deputado Xosé Regueira, "pon xa en marcha un traballo que se materializará nos próximos meses cando se decidan os primeiras actuacións a desenvolver para o que a Deputación ten xa un orzamento previsto de 500.000 euros.
O Comité de Dirección decidirá os investimentos a facer nos vindeiros meses que poden ser compra de patrimonio, sinalización de recursos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña habilita o orzamento de 500.000 euros cun período de execución de catro anos, conta tamén nesta iniciativa coa propiedade do Dolmen de Dombate que de feito é xa o gran centro de interpretación do Megalitismo da Costa da Morte.
O Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado hoxe na Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra na Galiza que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión.
Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens. Neste sentido, son 14 xacementos os que integran o parque, Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. O Dolmen de Dombate ou "catedral do megalitismo", aínda que teña o seu propio plan director, será o recurso alicerce clave no proxecto.