En Galicia a ninguén se lle ocorrera utilizar os froitos do sabugueiro en alimentación. Ata que dous emprendedores ubicados en Vilar de Santos se propuxeron poñer en valor este produto inxustamente ignorado, dándolle forma ao proxecto Carabuñas. Falamos cun deles, Nelson Alonso.
Xa levades uns anos e cada vez aparecen máis produtos derivados do froito do sabugueiro...
Nós empezamos fai
uns cinco anos facendo mermeladas, despois fixemos licor e o último
produto que fixemos foi a cervexa.
Parece que esto non ten fin. ¿Aínda pensades en máis produtos?
Agora a nosa idea é
consolidar un pouco o que temos feito, conseguir que os produtos que xa temos
dominados se sitúen no mercado. A primeira fase foi máis de
experimentación, agora vén a fase máis comercial.
Para quen non o coñeza, ¿a qué sabe o froito do sabugueiro?
Pois polo que di
moita xente que proba, o froito do sabugueiro parécese un pouquiño
a un froito do bosque. Ten ese sabor entre o arándano e a mora, pero
moito máis suaviño e aromático. Moita xente pensa que o sabugueiro
é moi forte e para nada, é o contrario.
En todo caso, ¿á xente gústalle?
Á xente gústalle e
sobretodo sorpréndense. Como o sabugueiro ten un cheiro forte a
xente pensa que o sabor tamén vai ser forte, pero nada nada… É un
produto moi bo.
E se sabe tan ben, ¿por qué non se comeu ata agora? ¿Dá moito traballo?
Dá bastante
traballo, pero aquí non se comeu porque ten fama de ser unha planta
tóxica. Como as follas non se poden comer, os froitos verdes
tampouco… Tamén estivo moi vinculada ao tema da mediciña, da
maxia, da bruxería… Quedou un pouco ese estigma, nunca se chegou a
utilizar en alimentación ao contrario do resto de Europa. Aquí somos os primeiros!