O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, está mantendo reunións con autoridades portuguesas co obxectivo de abordar os futuros investimentos de cooperación transfronteiriza no territorio do Miño no marco dos fondos europeos.
Este mércores Benítez reuniuse co secretario de Estado da Valorización do Interior, João Paulo Catarino, despois de estar tamén recentemente coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Goberno de España.
O director da AECT aproveitou esta última reunión para manifestar que "a nosa fronteira é dinámica, e ten enormes potencialidades, pero ao mesmo tempo tamén presenta a unha poboación avellentada, unha demografía á baixa e grandes dificultades para fixar a poboación máis nova, que se ve obrigada a emigrar por falta de expectativas, algo que se ve agravado nos municipios do interior – sinalou o director da AECT – polo que os investimentos europeos son cruciais á hora de garantir un correcto desenvolvemento do territorio e unhas condicións de vida dignas para a súa poboación".
A entidade solicitou unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para tratar estas cuestións, así como a proposta de formulación dunha Inversión Territorial Integrada (ITI) no territorio do Río Miño Transfronteirizo.