A Casa das Máquinas de Santiago foi construída en 1919 e será no seu centenario cando se acometa o proceso de rehabilitación que a Deputación da Coruña financia con 201.645,38 €, o 80% do orzamento total do proxecto que ascende a 252.056,73 €.
Despois de máis de unha década en desuso, as obras acometeranse xusto no ano en que o edificio, referencia en arquitectura industrial da cidade, cumpre o seu centenario.
O convenio que permitirá rehabilitar a Casa das Máquinas, situada en Galeras, será aprobado no último pleno do ano despois de conseguir o visto bo de todos os grupos que participan na comisión de Cooperación, Plans Provinciais xerais, Asistencia a municipios que preside o deputado Xosé Regueira para quen o proxecto supón "a recuperación dun inmóbel fundamental para o patrimonio dun concello de especial interese turístico e patrimonial e tamén a posibilidade de habilitar un edificio de especiais características para o uso da veciñanza".
Pola súa parte, a vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín, destaca que "a Casa das Máquinas é unha edificación moi significativa, que contribúe a construír o mapa patrimonial industrial da cidade e responderá, despois da súa rehabilitación a novos usos que terán que ser de interese para a veciñanza cada vez maior que vive na zona de Galeras, ao seu arredor". Ao seu ver, "era indispensábel iniciar unha actuación sólida ao respecto porque non se pode consentir máis que un edificio deste valor patrimonial mais tamén referencial para veciñas e veciños continuase neste estado de deterioro".
O proxecto consistirá na rehabilitación do contedor e da cuberta e carpintería exterior, quedando rematada a obra completa como almacén do contedor. O proxecto foi redactado polos equipo de arquitectos Terán e Blanco que prevén establecer tres liñas de intervención -carpintería, cuberta e espazo interior- co obxectivo de manter o carácter unitario do proxecto de López de Rego. Desta maneira, a cuberta terá a mesma solución construtiva da estrutura que a actual, adaptándoa á normativa vixente. Recuperarase e reporase o tellado, mantendo formatos e disposición e a carpintería manterá o mesmo espírito do proxecto orixinal. O edificio ten unha superficie de 329,62 m2.
O edificio, deseñado polo arquitecto compostelán Xesús López Rego, albergou un transformador eléctrico mais leva máis dunha década en desuso. Foi propiedade da compañía eléctrica Fenosa, en 2001 pasou a ser de titularidade municipal e despois dun tempo en situación ruinosa, executouse unha actuación de urxencia para evitar maiores deterioros da construción e eliminar o perigo de accidentes para as persoas viandantes por desprendementos. En 2017 aprobouse un plan de consolidación e, dous anos despois, coincidindo co seu centenario, será cando se execute a obra de rehabilitación que permitirá utilizar o inmoble que foi de Fenosa a novos usos.
O edificio albergou un transformador eléctrico e ten unha cualificación urbanística de dotación con uso previsto sociocutural. A Casa das Máquinas é un notable exemplo de arquitectura industrial da cidade e está catalogado patrimonialmente.