O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, asinaron o convenio para a creación neste concello dun dos centros de coworking que integrarán a nova Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo.
O proxecto suporá un investimento de 98.687 euros, dos que o 76% (75.000 €) serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende).
O proxecto Emprende-LAB Barbanza, pioneiro no seu sector, pretende fomentar a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca de Barbanza coma o conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico.
Boiro pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Carballo e Brión, do grupo de concellos que conforman o embrión da futura Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, que aglutinará tanto espazos xa existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking) nos que se localizarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado.
Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos de apoio ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.