Os mestres vidreiros de Turinxia (Alemaña) iniciaron hai máis de dous séculos a fabricación de figuras de Nadal con técnicas artesanais que perduraron no tempo e se estenderon a outros países centroeuropeos. As clásicas bólas de adobío deron paso a todo tipo de motivos elaborados con gran minuciosidade e coa imaxinación como único límite.
A sede da Deputación acolle unha mostra de enfeites de Nadal procedentes de fábricas centroeuropeas que utilizan estas técnicas centenarias. As pezas forman parte da colección ViCo, integrada por preto de 1.000 figuras. A exposición “Unha viaxe ao nadal” sitúa as orixinais figuras reunidas na Colección ViCo, procedentes de fábricas de Alemaña, República Checa, Polonia e Austria, na contorna da provincia de Pontevedra.
A variedade e a beleza destas figuras teñen o seu marco perfecto nos bosques e ríos máxicos das Rías Baixas, nas costas que sucaban os piratas en busca de formidables botíns, históricas prazas, fascinantes illas, encantadoras vilas termais, mosteiros de lenda, monumentais castelos, pazos emblemáticos e maxestosas torres.
As figuras e a contorna contan historias; historias dunha provincia con espléndidas paisaxes, unha cultura milenaria e un patrimonio único.
f_ turismoriasbaixas.com