O Festival Rebulir latexa tradición en Ramirás

Xa esta en marcha Ramirás (Ourense) a XIII edición do Festival Internacional Rebulir (FIR), unha cita que segue apostando por  reivindicar a interculturalidade e igualdade desde unha perspectiva educativa por medio das actividades do evento.

Un festival que aposta pola tradición e que segundo explicou o seu director artístico Alexandre Sotelino conta cunha programación dirixida "a tódolos tramos de idade, porque queremos chegar a tódolos recunchos de Ramirás, da comarca e da provincia, na súa esencia", sinalou Alexandre Sotelino, quen adiantou que nesta edición participarán, ademais do grupo anfitrión Rebulir, colectivos procedentes da Comunidade Valenciana, Castela e León, México, Cantabria, Portugal e Guinea.

A edición deste ano leva por lema "Latexando tradicións" xa que está dedicada  "aos doadores de sangue, órganos e tecidos, porque non importa a procedencia nin a aparencia, todos somos por dentro vermellos, a sangue é a que nos une e non hai nada máis común ca parte física das persoas". 

Na presentación do festival tamén estivo presente Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, que asegurou que o Rebulir é un evento "consolidado no calendario cultural da nosa provincia, que achega durante estas sinaladas datas, música e danza tradicional, a tódolos ourensáns, poñendo en valor a cultura con letras maiúsculas". Así mesmo, o vicepresidente da Deputación de Ourense felicitou a tódolos que fan posible que se celebre esta edición, polo seu "compromiso e esforzo coa nosa cultura tradicional, ofrecendo unha programación cunha variada música étnica e tradicional e procurando a implicación da veciñanza". Neste mesmo sentido, o director artístico salientou que o Ministerio de Cultura lles concedera este ano o emblema "Año Europeo do Patrimonio Cultural", "o cal é unha honra para nós pero tamén unha responsabilidade porque somos dos poucos festivais de música étnica en Galicia que existe".

Na programación do festival para hoxe venres está fixado un  obradoiro que será impartido baixo o lema "#latexandotradición con ADOS", no CEIP "Rogelio García Yáñez" e na escola infantil "O Viso", en Ramirás. Ás 20.30 horas continuarán as actividades con animación do grupo da Comunidade Valenciana polas rúas de Celanova, rematando a xornada ás 22.00 horas, coa actuación do grupo de Cantabria no programa Luar da TVG.

O sábado, 22 de decembro, a programación comeza cunha saída á cidade de Ourense e ás termas e, pola tarde, ás 16.00 horas, haberá animación na residencia de maiores de O Mosteiro a cargo de Ce Orquestra Pantasma. A festa continúa ás 17.30 horas da man do grupo de Castela e León polas rúas e locais de Ramirás e, ás 18.30 horas, comezará a Feira turístico-gastronómica. A gala central será ás 19.00 horas no complexo polideportivo do Picouto, que será presentada por Ce Orquestra Pantasma, e na que se entregarán os Premios Rebulir da Cultura Galega 2018. Para rematar a xornada, ás 00.30 horas, á cafetería América de Celanova acollerá a JAM Sesion Intercultural.

Por último, o domingo, 23 de decembro, terá lugar unha visita á vila de Celanova, e ás 12.30 horas, o grupo de Castela e León animará ás rúas e locais de Ramirás.