A Deputación da Coruña será destino convidado na Feira Ibérica de Turismo de Portugal que se desenvolvera na Guarda dos días 2 a 5 de maio de 2019. A Feira Ibérica de Turismo (FIT), organizada pola Câmara Municipal da Guarda coa intensa colaboración de Turismo de Portugal, chega este ano a súa sexta edición convertida nun evento de referencia para o sector de toda a península de maneira especial.
A FIT preséntase como o máis importante certame dedicado ao turismo dunha perspectiva ibérica e "unha oportunidade singular de divulgación, promoción, captación e desenvolvemento de fluxos turísticos e de valoración de recursos", segundo dixo o deputado responbsable da área de Turismo, Xosé Regueira..
Os seus obxectivos principais son o intercambio de coñecemento en todo o territorio e a intensificación das relacións comerciais entre operadores e axentes do sector para a promoción de produtos, servizos e recursos. Ademais da vertente profesional e de negocios, a FIT acolle numeroso público cun amplo programa de espectáculos musicais e actividades deportivas e de lecer.
A Deputación da Coruña collerá o relevo de Salamanca como destino convidado nesta nova edición que decorrerá de 2 a 5 de maio no Parque Urbano do Rio Diz, nun espazo que conta con 9.000 metros cadrados de área cuberta.
"Un dos obxectivos da nosa presenza en Fitur é afondar nos contactos de especial interese para a promoción turística do territorio e, neste sentido, a designación como entidade convidada da FIT é unha noticia extraordinaria que prometemos aproveitar para que os xeodestinos da Coruña estean presentes con forza e se difundan nos numerosos axentes que cada ano convoca o evento punteiro do turismo en Portugal", explica Xosé Regueira.