A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, amosou o apoio institucional organización do Fairway, o Forum Internacional do Camiño de Santiago, que se celebrará na capital galega dos días 10 ao 12 de febreiro, como grande evento de promoción turística que debe axudar a repensar a cidade de Santiago de Compostela diante dun novo Xacobeo. Así o defendeu no acto de presentación do evento.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participou na presentación do forum dos Camiños de Santiago Fairway e defendeu a potencialidade das rutas xacobeas como principal recurso turístico galego e terceiro do Estado, xunto co Museo do Prado e a Alhambra de Granada.
"Temos un recurso cunha altísima potencialidade, un tesouro que hai que protexer e promover e que nos debe axudar a repensar o futuro da capital galega de cara a un novo Ano Xacobeo e tamén estudar as posibilidades que ofrece para fronte ao desmantelamento do rural", sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención no acto que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos e no que tamén participou o alcalde e a concelleira de Santiago de Compostela, Martiño Noriega e Marta Lois, Charo Calvo de Correos e os directores de Fairway, tres codirectores de Fairway, Ana García, Manuel Oreiro e Tono Mugico .
A Deputación da Coruña apoia a realización de Fairway co financiamento do 80% do orzamento do Forum xa que, como dixo Goretti Sanmartín, desde a institución considérase a feira como un "evento de referencia para o desenvolvemento turístico galego" e destacou a especial relevancia desta edición, ás portas dun novo Xacobeo, "que ten que ser importante no ámbito turístico e económico mais tamén un novo escaparate de promoción de Santiago e do país enteiro". Fixo tamén fincapé na organización dunha xornada de portas abertas xa que "é tamén interesante que a veciñanza que está ao lado dos Camiños os coñezan e gocen da riqueza paisaxística, cultural e patrimonial".
Lembrou Goretti Sanmartín, neste sentido, o traballo de cooperación na mellora e promoción dos Camiños de Santiago, de maneira especial o Inglés e o de Muxía-Fisterra por acordo coas outras institucións, que está a desenvolver a Deputación da Coruña que se compromete "na organización deste "novo Fairway en que ser repensará a situación dos Camiños e, o que é moi importante, a mellora e o traballo de cara ao futuro, como estratexia de país no ámbito turístico, económico, cultural e patrimonial".
A Deputación da Coruña, ademais de financiar o evento, estará presente cun espazo propio ao que convidou a participar aos concellos, de maneira especial, do Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía que son nos que está a traballar directamente con iniciativas de promoción e mellora en colaboración directa cos municipios que atravesan as rutas.
O Fairway terá lugar dos días 10 a 12 de febreiro e inclúe un congreso, unha feira e un mercado de produtos turísticos arredor do Camiño de Santiago. Convoca institucións, axentes e empresas do sector cun foro de encontro arredor dun recurso central de promoción económica, patrimonial e cultural. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña