Plan estratéxico para o posicionamento dos viños galegos


A Xunta elaborará un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o seu posicionamento e das comarcas que representan. Así o anunciaron os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

Durante unha presentación ante o sector vitivinícola e os representantes das denominacións de orixe galegas, os representantes do Goberno galego explicaron que este plan, denominado Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas, contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola.

Nesta liña, José González explicou que como primeiro paso farase un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial. A este traballo, engadiu, sumaranse as tendencias de consumo e do mercado vinícola a nivel español e internacional. Así, no ámbito turístico, o plan analizará o sector recollendo aquelas instalacións, servizos e atractivos turísticos presentes nestas comarcas. De feito, a Xunta quere reforzar as vinculacións das denominacións de orixe dos viños cos lugares nos que están asentadas para fortalecer así o seu vínculo co patrimonio natural e cultural.

Unha vez se teña o diagnóstico da situación, o obxectivo deste novo plan galego é establecer os eixos para guiar o futuro do ámbito territorial de cada denominación de orixe de forma individual pero tamén en conxunto. Búscase crear unha estratexia común e coordinada atendendo ás particularidades de cada contorna.