O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia acometerán a 2ª fase do Proxecto de Posta en Valor da Ponte Vella, unha actuación que converterá este espazo nunha referencia para cidadáns e turistas. O alcalde, Jesús Vázquez; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Ínsua,asinaron o convenio que permitirá “transformar a contorna da capela dos Remedios nunha zona aberta, deseñada para o maior confort dos usuarios e para resaltar a beleza deste conxunto monumental”.
Así o sinalou o rexedor durante este acto, que tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Mario Guede. Vázquez mostrouse convencido de que a actuación “vai converter a Ponte Romana nunha postal habitual nas redes sociais dos ourensáns e dos nosos turistas”.
As obras, cun orzamento de 1 millón de euros, contemplan conexións peonís coa contorna da Ponte Romana desde distintos puntos da cidade; actuacións sobre o mobiliario e a construción dun miradoiro. Ademais, van supoñer “dar resposta a unha vella demanda das persoas que practican deportes urbanos como skate ou BTT”, coa construción dunha nova pista na entrada da cidade en substitución da actual, xunto á Igrexa dos Remedios.
A actuación permitirá completar as obras iniciadas na primeira fase, no ano 2016 (que entre outras actuacións permitiron a pavimentación, iluminación interior e a iluminación artística da Ponte Romana), e suporá un investimento total neste punto da cidade superior a 1,5 millóns de euros.