O centro concertado de formación profesional EFA A Cancela, que imparte en As Neves o Ciclo medio de Panadería, Pastelería e Confitería, organizará entre o 21 e o 22 de febreiro a súa V Xornada Gastrocultural, que levamo por nome #falemosdepan.
Trátase dun encontro que pretende poñer en valor o pan como elemento esencial da nosa alimentación e da nosa cultura, a través de actividades que tamén abordarán dende un punto empresarial os cambios esenciais para afrontar o futuro da panadería.
Durante dous días sucederanse talleres, mesas redondas e faladoiros nos que concorrerán artesáns, profesores de universidade, físicos, biólogos, investigadores e innovadores.
Algúns dos nomes propios que acudirán serán Xavi Barriga, toda unha referencia á fronte de Turris, pero tamén Daniel Pampín, Timo Funk, Ina Blisse, Lonor Lorenzo Abalo…
Unha oportunidade de ouro aberta tanto a profesionais como a consumidores que queiran aprender algo máis sobre un produto básico.