A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance dos resultados acadados en FITUR 2019. "Foi un éxito absoluto, a nosa presentación ateigou de público o auditorio da caseta de Galicia e foi a que concentrou ao maior número de persoas de todas as accións promocionais alí organizadas", informou Silva. Por estes motivos, e debido ás "altas expectativas" das presentacións impulsadas pola Deputación de Pontevedra, a presidenta informou que "empezamos xa a traballar de cara a FITUR 2020".
O formato do lanzamento de "Fame de experiencias" que, a partir de agora inicia a súa andadura en Galicia, no resto do Estado e a nivel internacional, "rachou con todos os moldes e mantivo o interese ata o final, momento no que entregamos a caixa – agasallo que foi tamén outra gran sorpresa", asegurou Silva.
Neste eido a presidenta recordou que a caixa conta con 12 experiencias e agasallos para vivir durante todo o ano, de xaneiro a decembro, na provincia de Pontevedra. O éxito do lanzamento da campaña tamén se estendeu ás redes sociais onde a retransmisión da presentación en directo foi unha das máis visitas da historia da Deputación de Pontevedra. Ademais, o vídeo de "Fame de experiencias" acumula xa un alcance total de 17.000 persoas e o do influencer Machbel máis de 2.000 reproducións. En canto a Twitter, os chíos foron vistos 1,2 millóns de veces chegando a preto de medio millón de persoas usuarias.