
"Trátase dun novidoso método patentando por Cristina Pérez –explica Manuel Baltar-, que xa se experimentou con éxito nas Burgas, e o obxectivo é que esta iniciativa baseada na auga termal se estenda aos balnearios da provincia de Ourense ao longo de 2019, para que os veciños dos concellos termais poidan acceder a esta actividade innovadora que lle da un pulo ao noso termalismo", destaca Baltar.
O presidente Baltar comenta que será unha acción que tramitará a Área de Termalismo e Emprego da Deputación de Ourense, "realizando as programacións cos concellos e cos establecementos balnearios, para que esta iniciativa se afiance e se converta nun clásico do termalismo ourensán co paso do tempo. O éxito que tivo nas Burgas fai presaxiar que tamén o acadará no ámbito provincial", sinala o Manuel Baltar.
O método "wellness" da ourensá Cristina Pérez combina sesións en auga termal e en sala, abranguendo circuíto termal, prácticas de relaxación e exercicios para aprender a respirar correctamente e reeducar a respiración. A finalidade é eliminar a tensión do corpo e propiciar o que a profesora denomina como "calma mental". O traballo combinado de ioga e auga termal ten entre os seus principais beneficios tratar a dor orixinada pola tensión corporal; actúa contra problemas de insomnio, estrés, ansiedade, depresión e problemas respiratorios, e resulta beneficioso fronte ás doenzas articulares e da pel.