Medio Rural colabrou na posta en marcha de case 800 proxectos a través do Plan Leader

A Consellería do Medio Rural colaborou na posta en marcha de case 800 proxectos a través das axudas do plan Leader, pertencentes ás convocatorias de 2017 e 2018, por un montante de case 38 millóns de euros. Así o destacou o conselleiro José González nunha visita realizada ao municipio de Cualedro, onde supervisou a intervención arqueolóxica e valorización do castro d’a cidá da Saceda, que promoveu o GDR 9 Monteval. Tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. 

Así, o conselleiro matizou que este tipo de proxectos, en referencia aos xestionados con axudas do plan Leader, son moi importantes á hora de dinamizar o rural, facelo atractivo e ademais xerar unha actividade económica. Neste senso, destacou que son os propios axentes do territorio (asociacións, concellos, etc.) os que determinan onde se debe investir para acadar os obxectivos de crear e soster un medio rural máis vivo e con mellor calidade de vida. 

Precisamente, baixo a convocatoria destas axudas, no ano 2017 subvencionáronse 399 proxectos por 18,4 millóns de euros e na do ano 2018, aínda en execución, espéranse subvencionar 359 proxectos por un montante de 19,5 millóns de euros. Ademais, o conselleiro lembrou que ata o 31 de maio está aberto o prazo para presentar novos proxectos á convocatoria de 2019, que ten un orzamento de 16,5 millóns de euros. 

O titular de Medio Rural sinalou que o proxecto que supervisaron conta cunha achega de case 14.000 euros nun investimento mobilizado que supera os 16.000 euros. Trátase dunha iniciativa centralizada na escavación de zonas do xacemento que aínda non foran exploradas, ademais de traballos nas estruturas existentes e a catalogación e planificación de obras futuras como guía para as intervencións vindeiras. O conselleiro matizou que, a través deste proxecto, poténciase tamén o desenvolvemento económico do municipio mediante a promoción dos seus valores ambientais, históricos e paisaxísticos singulares, poñendo en valor un monumento histórico. 

Ao remate desta visita, o conselleiro desprazouse ao concello de Monterrei para presidir unha xuntanza coa directiva dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Así, abordáronse numerosas cuestións que poden reforzar e mellorar o papel mediador dos distintos GDR co fin de potenciar e impulsar o número de iniciativas no rural. Neste contexto, ademais de analizar o traballo realizado nestes últimos tempos por estes grupos, José González indicoulles que en breve se resolverán as novas axudas postas en marcha este ano dirixidas á cooperación interterritorial dos Grupos de Desenvolvemento Rural e que están dotadas con 400.000 euros.