Empresas e institucións de quince países de catro continentes participarán na terceira edición de Fairway, a máis internacional das celebradas ata agora. Así se puxo de manifesto na presentación do evento, que se celebrará do 10 ao 12 de febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Está previsto que neses dous días se celebren máis de 16.000 reunións de traballo.
Na presentación do evento os organizadores adiantaron que "será máis que nunca o punto de encontro de todas as persoas e institucións vinculadas ao Camiño de Santiago". Nesa liña, a directora de Trevisani, Ana García, explicou que no evento "haberá máis dun cento de expositores, un 20% máis que na pasada edición, e contaremos coa participación de máis de 50 concellos galegos e seis comunidades autónomas". No ámbito internacional, "en Fairway estarán trece cámaras municipais portuguesas e destaca tamén a participación do Camiño Kumano Kodo, a través da prefectura de Wakayama, ou a ruta de peregrinación de San Francisco de Asís".
Pola súa banda o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, felicitou aos organizadores "por facer esta aposta e por esforzarse para innovar en cada edición do Fairway". Martiño Noriega salientou a dimensión económica que está adquirindo o Camiño de Santiago, "un elemento ao redor do que están a xurdir moitos proxectos que se traducen en beneficios económicos para os lugares polos que transcorren as rutas xacobeas".
O III Fairway Fórum Camiño de Santiago volve apostar polo workshop como formato para facilitar os encontros de traballo entre os "Hosted Buyers" e os profesionais, empresas e organismos públicos vinculados a calquera dos Camiños de Santiago interesados en darlles a coñecer os seus produtos, destinos e servizo. Manuel Oreiro, de Viajes Viloria, explicou que os "Hosted Buyers" son "touroperadores, axencias de viaxes, centrais de reservas e axencias on-line invitados polos organizadores do Fairway para participar nos encontros de traballo e crear oportunidades de negocio". Na feira daranse cita 35 "Hosted Buyers", con empresas de países como Reino Unido, Canadá, Brasil, Italia ou Portugal, que xa participaron en anteriores edicións, "ás que sumarán por primeira vez empresas de Sudáfrica, Australia, Francia, Bélxica ou México". Os seus interlocutores serán máis de 120 organismos, tanto públicos como privados, entre os que se atopan establecementos de hostalería, axencias de viaxes, servizos de guías e excursións, adegas, empresas de transporte de persoas ou mochilas, e organismos públicos e destinos turísticos. En total, segundo Manuel Oreiro, "están previstas máis de 16.000 reunións de traballo nos dous días de workshop do Fairway, un 35% máis que na anterior edición".
O representante de Viaxes Viloria apuntou que "moitos dos touroperadores inscritos no workshop participarán tamén en tres viaxes de familiarización para a prensa, coas que Fairway pretende visibilizar as rutas xacobeas menos concorridas". Nesta ocasión, promocionaranse o Camiño Portugués pola costa, o Camiño do Norte e o Camiño de Fisterra-Muxía. Nestas viaxes de familiarización participarán medios como Traveller 24, de Sudáfrica; Super Radio, de Brasil; National Geographic, Marie Claire ou a revista Viajar.