O viño galego traza a senda da diferenciación

Os principais retos do sector vitivinícola galego pasan polo aumento do tamaño das explotacións, o fomento da profesionalidade, a xeración de sinerxías con outros eidos (turismo e gastronomía, fundamentalmente) e por apostar por un modelo de negocio de xeración de valor baseado en diferenciación, calidade e singularidade. Así o resumiu o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación do informe do Foro Económico de Galicia sobre a planificación e proxección do sector vitivinícola de Galicia, elaborado por José Francisco Armesto e Patricio Sánchez. Este acto tivo lugar no Concello de Ourense, coa asistencia do alcalde da cidade, Jesús Vázquez. 

En relación co obxectivo de profesionalizar o sector, o titular de Medio Rural explicou que cómpre incorporar xente nova á actividade e mellorar a dinámica innovadora e outros ámbitos claves, como a comercialización e a internacionalización deste eido produtivo, que o conselleiro cualificou como estratéxico para Galicia. Así, José González destacou a importancia económica, social, cultural e medioambiental deste sector, así como a súa capacidade para xerar riqueza e emprego no rural, contribuíndo ademais á mellora da cohesión territorial. 

Neste documento do Foro Económico, tal e como sinalou o conselleiro, defínese o mundo do viño como un sector tradicional, que malia esta consideración non deixou de innovar para adaptarse aos cambios nos patróns de produción e consumo. Neste proceso –dixo tamén José González– tiveron un papel fundamental os consellos reguladores das denominacións de orixe, en especial no que atinxe á identificación da orixe xeográfica dos viños, o recoñecemento do produto polos consumidores e a garantía da súa calidade. 

O estudo conclúe tamén que o sector galego debe aproveitar a posición de liderado de España en volume de exportacións, pero mellorando no eido dos prezos a través da aposta pola calidade. Nesta liña, o conselleiro indicou que Galicia presenta un escenario produtivo tradicional, que ten aspectos positivos, como a aposta pola calidade, singularidade e sustentabilidade ambiental como piares para o incremento do valor e a expansión cara novos mercados. 

Tamén en relación co viño, o conselleiro lembrou o anuncio feito público este mércores en Fitur, no sentido de que a Xunta vai elaborar un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos caldos e das comarcas que representan.