Un dos obxectivos da área de Turismo da Deputación da Coruña na súa presenza este ano en Fitur foi afondar nas relacións institucionais de interese para o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal que se está a abrir camiño de cara a conseguir a denominación por parte da Unesco, un proceso para o que é fundamental o coñecemento por parte de responsábeis doutros xeoparques e das entidades do sector.
O deputado de Turismo Xosé Regueira reuniuse co presidente da Global Geoparks Network, Nikolaos Zouros, que dirixe a entidade internacional á que están asociados boa parte dos xeoparques do mundo. Na xuntanza, o deputado de Turismo fixo partícipe a un dos principais ideólogos dos xeoparques das fortalezas naturais, xeolóxicas, paisaxísticas e patrimoniais do Cabo Ortegal e do interese e intenso traballo conxunto dos concellos implicados para conseguir a denominación.
"Transmitímoslle o interese de todos os concellos e da propia Deputación en lograr a declaración do xeoparque, tanto para a conservación como para a promoción de turismo de calidade relacionado coa natureza nun territorio de inmensa riqueza á altura de calquera dos xeoparques existentes no momento", sinala Xosé Regueira.
Ademais, nas xornadas de Fitur, o deputado de Turismo reuniuse coas direccións de todos os xeoparques do Estado e con membros do Comité Nacional Español Xeoparques Mundiais da Unesco para, entre outros obxectivos, manter contactos previos ao congreso que se desenvolverá o vindeiro mes de xuño e no que participarán os principais especialistas do sector.
"Do proceso que se iniciou coa sinatura do convenio e que continuou cos primeiros contactos cos Xeoparques do País Vasco e Catalunya sabemos que unha das claves para o éxito está na súa difusión e en dar a coñecer as fortalezas do territorio diante de axentes internacionais polo que Fitur foi un espazo de especial interese para avanzar neste camiño", explica Xosé Regueira que afondou tamén na feira de turismo na relación coa dirección de dous parques que xa visitou previamente, o Geoparc de Catalunya e o Xeoparque Costa Vasca, o que maior relación ten polas súas condicións co proxecto de Ortegal.
O deputado de Turismo aproveitou tamén o encontro no espazo da Rede Europea de Xeoparques e unha presentación das experiencias xeoturísticas nos Xeoparques Mundiais Unesco no posto de Euskadi en que participaron representantes dos distintos proxectos do Estado español para avanzar na presenza institucional do proxecto do Cabo Ortegal.
Na feira difundiuse tamén o novo material promocional do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal no que se destaca a riqueza do patrimonio xeolóxico do territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico e do que participan os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.
Un patrimonio singular para coñecer en catro rutas
A declaración de Xeoparque Mundial, que outorga a Unesco, ten como obxectivo a conservación e divulgación de territorios que posúen un patrimonio xeolóxico singular e unha gran riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural que pretenden poñer en valor para lograr un desenvolvemento local integral. No caso do Cabo Ortegal, son 580 km2, que se difunden na información impresa a través de catro rutas para coñecer o seu patrimonio xeolóxico, unha a que vai pola costa Ártabra desde a punta Frouxeira á falla de Valdoviño, outra que atravesa o interior de Ortegal desde as canteiras de Anfibol ás minas de Piquito e a Barqueira, a terceira de Cedeira a Cariño aos pés da Serra da Capelada e, finalmente, unha cuarta que sae da Costa de Ortigueira e Loiba en dirección a Estaca de Bares.