Santiago proba a nova ordenanza de regulamento das terrazas de hostalería

O Pleno da Corporación Municipal de Santiago de Compostela ven de aprobar de maneira definitiva a ordenanza municipal reguladora de terrazas e quioscos de hostalería. O texto, que incorporou parte das alegacións presentadas tras a aprobación inicial da ordenanza, contou cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención do resto de grupos municipais.

A modificación máis salientable ten que ver co artigo que regula as modalidades de ocupación da vía pública coas terrazas, en resposta á alegación presentada pola asociación Hostalería Compostela. O texto recolle que, con carácter xeral, a terraza deberá situarse acaroada á fachada do establecemento e a súa lonxitude limitarase á da fachada do local do que é auxiliar; e xustificadamente, poderá estar separada do local ata un máximo de 20 metros. Cando a terraza se sitúe acaroada á fachada ou na liña de bordo da beirarrúa e sempre que non se soliciten ambas ocupacións simultaneamente, poderá autorizarse superar os límites da fachada do establecemento, previa solicitude debidamente fundamentada á que debe achegarse autorización dos propietarios dos locais comerciais estremeiros.

Do mesmo xeito, será precisa unha solicitude debidamente fundamentada para situar a terraza separada do establecemento. Nos dous casos, a concesión da autorización terá en conta cuestións técnicas como as características e morfoloxía dos espazos, o impacto visual, os fluxos de persoas e vehículos ou a afectación da accesibilidade universal. Sinálase ademais que "en ningún dos supostos de ocupación poderá ocuparse espazo fronte ou acaroado a portais de entrada de vivendas".

Tamén se introduce unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, segundo explicou o concelleiro responsable Jorge Duarte, "atendendo ás demandas do propio sector hostaleiro". A modificación proposta sinala que a limpeza e a retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido.

O horario de funcionamento das terrazas mantense ata a 1:00 nos meses de maio, xuño e setembro durante a semana, e ata as 2:00 nas noites de venres a sábado, véspera de festivos e noites de sábado a domingo. Nos meses de xullo e agosto, o horario de peche será as 2:30 horas todos os días. O resto do ano, do 1 de outubro ao 30 de abril, o horario de peche será as 23:30 entre semana e as 00:30 horas nas noites de venres a sábado, véspera de festivo e noites de sábado a domingo.

Por último, introduciuse unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, atendendo as demandas do sector hostaleiro, de xeito que a limpeza e retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido para a terraza.