A Ourense ICC Week aposta pola moda

A quinta edición da "Ourense ICC Week", a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, estrea unha nova vertente creativa, a moda. E faino da man de tres importantes profesionais do sector: Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez. Así o anunciouo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na rolda de prensa celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel xunto aos coordinadores do evento, Juan Rivas e Manuel Araújo, destacando que a xornada inaugural da semana creativa correrá a cargo destas mulleres, que representan marcas de prestixio internacional. A data é o martes 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. As entradas serán de balde, ata completar o aforo, previa inscrición na plataforma Woutick.

A Ourense ICC Week pon así o foco nun segmento, o da moda, punteiro en España, sendo o noso país o quinto exportador europeo no téxtil, cunha cifra de negocio que supera os 10 mil millóns de euros. Un sector puxante e tamén estratéxico en Galicia que, tras Inditex, sitúa a provincia de Ourense a cabeza das exportacións galegas grazas ao Grupo Textil Lonia, que aglutina marcas de renome como Carolina Herrera e Purificación García. Ourense e tamén berce de marcas tan recoñecidas como Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Bimba y Lola.

"A Ourense ICC Week pon sempre o acento na vangarda e na innovación, algo que no mundo da moda ten á provincia de Ourense ocupando un lugar destacado, especialmente notorio e con peso de seu", afirmou Manuel Baltar, con nomes -ademais dos que participan na ICC Week- como Roberto Verino ou Kina Fernández. O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo que están a desenvolver os coordinadores da Ourense ICC Week, "que nesta edición continuará a engrandecerse, no apartado musical, con nomes como o de Kiko Veneno, un referente da música española", e lembrando, no ámbito xornalístico, a participación este ano de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio, quen participará co seu formato en directo chamado "Cara a Cara". Manuel Baltar tamén dixo que o programa desta edición inclúe o humor, unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrias Culturais e Creativas, e que estará a cargo do humorista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita.

A Ourense ICC Week celebra a súa quinta edición entre os días 2 e 7 de abril, durante os cales Ourense converterase no "foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación que, en diferentes lugares emblemáticos da nosa provincia, analizarán, debaterán e gozarán coas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon a disposición do público", dixo Baltar.