Achega da Deputación da Coruña para a adquisición da vivenda da pintora María Antonia Dans en Curtis

A achega provincial representa o 80% do investimento total do proxecto, que ascende a 70.000 euros, e que pretende recuperar a vivenda onde residiu a artista- cuxa traxectoria pictórica está moi vinculada ás paisaxes da súa infancia en Curtis- e convertila nunha casa-museo destinada a recuperar a obra e a figura da que foi un dos persoeiros ilustres do municipio no campo da arte.
O convenio que regulará a colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Curtis aprobouse esta mañá na Comisión de Patrimonio e Contratación e será sometido á ratificación definitiva no pleno provincial do vindeiro 1 de marzo
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o apoio económico da Deputación permitirá ao Concello de Curtis desenvolver este proxecto singular e "pór en valor unha parte importante do patrimonio histórico e cultural da localidade, recuperando e divulgando a vida e a obra dunha artista galega de proxección nacional"
Dende o Concello de Curtis prevén ademais que a futura casa-museo de María Antonia Dans sexa un espazo de dinamización da participación veciñal e un impulso para reactivar accións de asociacionismo no Concello.