Afondar no coñecemento das riquezas do queixo Arzúa-Ulloa

Unha edición máis, o centro de formación e promoción rural Efa Piñeral colabora activamente na Festa do Queixo de Arzúa. Nas instalacións do centro celebraranse accións formativas destinadas a poñer en valor, promover sinerxias entre os profesionais e afondar no coñecemento das riquezas que o protagonista da Festa, o queixo Arzúa-Ulloa, posúe. 

A programación arranca este mesmo luns día 26 coa Masterclass “Petiscos que namoran” a cargo do chef Manuel Garea, onde as elaboracións e presentacións de tapas e petiscos co queixo Arzúa-Ulloa serán as protagonistas. A Masterclass desenvolverase durante dúas xornadas, a do 26 e o 27 de febreiro de 17.30 a 20.00 horas e está orientada tanto a particulares como profesionais que queren enriquecer e diversificar as súas propostas. 

O mesmo día 26 terá lugar ás 15.00 horas a charla técnica sobre as “Achegas nutricionais do queixo Arzúa-Ulloa” a cargo de Óscar Perez, secretario xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa. 

O día 01 de Marzo ás 17.00 horas celebrarase o evento Pan&Queixo, onde Guillermo Moscoso da panadaría Pan da Moa, realizará unha cata comentada das panificacións do seu obrador combinadas con distintos queixos da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa. 

Xa na propia fin de semana da cita festiva, o domingo día 10 Piñeiral acollerá ás 16.00 horas o Obradoiro infantil de cociña e repostaría creativa. Unha cita na que alumnado e docentes de Piñeiral ensinarán a cativos dende 05 anos a traballar coas súas propias mans elaboracións divertidas nas que o queixo será, unha vez máis, o ingrediente estrela. 

O xoves día 07 ás 15.00 horas celebrarase unha mesa redonda para abordar casos de éxito na comercialización e dinamización no social media dos produtos da terra. Experiencias como Casa Grande de Xanceda, os marketplaces La Casa de la Aldea ou Gulagalega serán os protagonistas deste coloquio. 



Asemade, a Efa Piñeiral estará ,como é habitual, presente no propio recinto ferial durante os dous días do evento, no que o alumnado ofrecerá degustación e venda dos produtos elaborados no Obrador Piñeiral así como demostracións de pastelaría. 

“A Efa Piñeiral reitera o seu compromiso coa formación, co emprego, a promoción rural, e a dinamización do territorio, dos seus recursos e das súas potencialidades. Dende a nosa institución queremos seguir apostando por contribuir á Festa do Queixo de Arzúa cun programa de actividades multidisciplinares nas que alumnado, docentes e profesionais teñan a ocasión de enriquecer o seu coñecemento sobre o queixo Arzúa-Ulloa, un dos protagonistas do noso territorio e da nosa economía”, afirma Pilar Díaz-Caso, directora da Efa Piñeiral. 



Todos os interesados en participar nalgunha destas actividades poden informarse na Efa Piñeiral no 981500580 ou no mail pineiral@pineiral.es.