Compostela, horta urbana de Galicia

Compostela suma xa 240 hortas urbanas a disposición da veciñanza, tras o acondicionamento de 38 novas parcelas no barrio de Santa Marta. Estas últimas, cunha superficie aproximada de 60 metros cadrados cada unha, ocupan algo máis de 6.700 metros cadrados sobre dúas parcelas de titularidade municipal.

O acondicionamento de hortas urbanas en Santa Marta foi unha das propostas seleccionadas no proceso dos Orzamentos Participativos Compostela Decide de 2018. 

Para o acondicionamento das hortas foi preciso rozar os terreos, instalar un sistema de rego, pavimentar e dotar de zahorra as zonas que dividen cada parcela. Ademais, colocouse mobiliario e casetas de almacenaxe, e axardinouse a contorna das hortas.

Coas de Santa Marta son xa 240 as hortas urbanas a disposición da veciñanza, das que 145 foron acondicionadas nos últimos tres anos. Foron, en concreto, as 32 parcelas da Almáciga, as 21 da Caramoniña e as 54 de Brañas do Sar. As primeiras hortas urbanas de Compostela foron as creadas no ano 2008 en Belvís de Arriba, con 30 parcelas, ás que lle seguiron en 2010 as 26 hortas de Belvís de Abaixo. Posteriormente acondicionáronse as 29 hortas de Fontiñas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que á lista de hortas urbanas sumaranse en breve as de Campo das Hortas, onde haberá 53 parcelas que ocuparán 4.100 metros cadrados de superficie. Ao contrario que noutros emprazamentos, os terreos precisos para o acondicionamento destas hortas foron cedidos pola veciñanza, despois dun longo e complexo proceso para dar coa propiedade dalgunha das parcelas.

Ao longo das próximas semanas abrirase o prazo de inscrición para poder utilizar as hortas. Tal e como se establece no regulamento, terán preferencia na adxudicación as persoas xubiladas ou prexubiladas do barrio. Se hai máis espazos que demanda, poderán ser adxudicatarias, por esta orde, as persoas veciñas do barrio e da contorna, e as persoas veciñas de calquera outro barrio de Santiago. A concesión faise por un prazo de dous anos, que pode ser prorrogado ata un máximo de catro anos.