En Ferrol redoblan os esforzos para poñer en valor o seu Porto da Ilustración cunha candidatura a Patrimonio Mundial que o seu alcalde, Jorge Suárez, ve con posibilidades de prosperar. Con el falamos deste e doutros puntos da estratexia turística da cidade.
Estades apostando forte polo Porto da Ilustración, ¿pensa que igual non se coñece todo o que se debería fóra da nosa contorna?
A nivel galego é coñecido e recoñecido o seu trazado singular, o Castelo de San Felipe… Pero sí que fóra de Galicia… Ferrol é un sitio ao que tes que ir expresamente, por iso canto máis promoción fagamos da cidade mellor.
Queremos vinculalo non só a algo tan específico como a cidade da Ilustración, senón expandilo un pouco máis con ese entorno natural envidiable que temos.
¿Ferrol é un dos destinos galegos aínda por descubrir?
Penso que sí, que ten grandes valores sen nada que envidiar a outras zonas do país. Temos que recoñecer que os últimos anos se está facendo un traballo importante dende todas as administracións. Eu sempre digo que o turismo ten que estar por enriba de ideoloxías e cores políticas, a cooperación entre administracións é básica e é o que se está dando agora entre Deputación, Xunta e concellos da comarca. Os datos nos avalan, temos un incremento exponencial, un incremento de 4.000 turistas por ano.
E agora estades con esa candidatura ao Patrimonio Mundial… ¿É viable a medio prazo?
Temos o apoio do vicepresidente de Icomos, temos o apoio de todas as intitucións… Era un sono sostido dende o ano 2000. No ano 2006 entramos na lista indicativa de Patrimonio e agora está cada vez máis preto. Tivemos a nosa oportunidade cando íamos conxuntamente coa candidatura da Torre de Hércules. Lamentablemente non puido ser conxuntamente, pero agora estamos a piques de logralo e traballaremos para facelo posible. Porque creo que sería un paso moi importante a nivel social para a cidade de Ferrol.