Lugo reivindica as súas covas paleolíticas

O vindeiro 22 de marzo o Pazo de San Marcos acollerá unha xornada na que se analizarán as covas das serras orientais paleolíticas de Galicia: Eirós en Triacastela, a de Valdavara en Becerreá e a da Valiña en Castroverde, entre outras.

Participarán catedráticos, profesores, arqueólogos, e expertos que abordarán o panorama actual sobre os contidos arqueolóxicos da provincia, así como diferentes propostas para a divulgación destes restos pre-históricos. A Xornada inclúe unha visita da man do investigador Arturo Lombera á exposición sobre as covas das serras orientais no Museo Provincial de Lugo que se realizará con motivo desta xornada na propia sección de prehistoria e arqueoloxía do Museo, complementada cunha demostración elemental de talla en seixo

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou esta xornada  que leva por titulo As Covas: portas a outros mundos. “A través desta xornada queremos contribuír a establecer canles de comunicación coa sociedade a través da transversalidade dos museos fomentando o debate e actualizando contidos arqueolóxicos, así como estimular e educar patrimonialmente á comunidade a través do coñecemento e da dinamización sociocultural, e resaltar o noso patrimonio coa súa identificación e visibilidade”, explicou.

A Deputada sinalou que “esta é a segunda cita sobre o Patrimonio Arqueolóxico lucense que promove o Executivo Provincial. Na primeira edición realizamos o encontro sobre Santa Eulalia de Bóveda (2018), ademais do Congreso Internacional de arqueoloxía do ouro, que contribuíu a difundir e promover as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial, ao tempo que serviu para dar a coñecer as diferentes achegas científicas existentes relacionadas co ouro antigo”.

Esta xornada de divulgación científica, completamente gratuíta, está aberta a todos os públicos. Entregarase un diploma acreditativo de asistencia á xornada (8 horas lectivas). Na paxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e do Museo Provincial, haberá un banner habilitado para inscribirse.