O museo do entroido amplía a súa acollida

A Deputación de Ourense acaba de asumir a xestión do Museo Galego do Entriodo de Xinzo de Limia, permitindo que este espazo comece a abrir as súas portas de maneira regular, en sesións de mañá e tarde, "poñendo a disposición do público, coa colaboración do Concello de Xinzo e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia que amosa a riqueza do noso carnaval", segundo explicou o presidente do organismo provincial Manuel Baltar na sinatura do convenio. 

Baltar afirmou que hoxe "é un día importante para Xinzo de Limia, para Galicia e para o entroido, porque a Deputación asume a xestión deste museo, coa colaboración do concello e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia de exaltación da riqueza do noso carnaval, que será, sen dúbidas, un foco de atracción turística", expresou Manuel Baltar, engadindo que concello e deputación cooperan; "facemos efectivo un acordo plenario de ámbalas dúas institucións para poñer a disposición dos visitantes unha infraestrutura cultural que servirá de atracción para a zona". 

O presidente da Deputación tamén se referiu ao acordo coa asociación "A Pantalla", destacando "a cesión de uso que asinamos hoxe para que esta asociación, propietaria dunha importante aportación que forma parte dos fondos museísticos deste espazo expositivo, siga realizando a súa actividade a prol da cultura do entroido". 

Manuel Baltar amosouse "plenamente satisfeito" de que por medio destes acordos de colaboración "o entroido de Ourense e de Galicia siga a escribir a súa historia con maiúsculas, mantendo e dinamizando unha tradición secular que todos temos a obriga de seguir conservando".