O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou xunto co escultor Acisclo Manzano na presentación, no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), da obra "O Cristo da Ribeira Sacra", que o artista cede á Deputación de Ourense para contribuír a potenciar e engrandecer este singular espazo natural e a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco.
No acto, no que participaron tamén o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; o escultor Acisclo Novo e o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, o presidente do goberno provincial destacou que Esgos, "como capital desta contorna que vai ser declarada Patrimonio Mundial, une á súa historia á xenialidade de Acisclo Manzano", remarcando que "ninguén mellor que el podía facer unha obra de arte semellante, que será un destacado elemento máis de atracción turística desta zona".
"O Cristo da Ribeira Sacra", instalada na contorna do mosteiro de Rocas, ao carón do antigo cemiterio, é unha escultura de gran formato, de 800 quilogramos de peso e tres metros de altura, con relevo policromado realizado en fundición de aluminio. "Unha homenaxe a arte, a tradición e á simboloxía que ao longo dos séculos fixeron do mosteiro de Rocas o gran referente da Ribeira Sacra", expresou Manuel Baltar.