A sinalización do Camiño Inglés chega ata Gran Bretaña

Os deputados da Deputación da Coruña Antonio Leira e José Manuel Pequeño colocaron durante a pasada fin de semana o primeiro sinal do Camiño Inglés de Santiago que se pon en Gran Bretaña. Tamén mantiveron unha reunión coa máxima responsable de Turismo do Condado de Durham, Tracy Smith, que se declarou sorprendida da calidade das iniciativas que está a traballar o organismo provincial na promoción de todos os concellos da provincia en especial a Ruta do Camiño Inglés e a prolongación a Fisterra/Muxía así coma na posta en valor doutros itinerarios.

Na abadía de Finchale, no nordés do país e considerado o quilómetro cero desa ruta xacobea, trescentas persoas foron testemuñas da instalación da primeira sinal coa frecha amarela no centro que marca o punto de partida do Camiño Inglés, a case que 2.500 quilómetros da praza do Obradoiro.

Leira animou aos presentes "a cumprir o sono de ir a Santiago" seguindo os pasos de milleiros dos seus antepasados. Pola súa banda, José Manuel Pequeño situou Fisterra en particular e a Costa da Morte en xeral como o remate lóxico de calquera peregrinación unha vez chegados a Compostela. No uso da palabra precedeunos Tracy Smith, quen dixo que a promoción que a provincia da Coruña estaba facendo dos Camiños de Santiago era "un exemplo a seguir, e tanto estou convencida diso que irei a coñecelo en persoa".

Acto seguido os tres centenares de persoas peregrinaron pola ruta medieval ata a catedral de Durham, onde foron recibidas polo alcalde da cidade. As autoridades eclesiásticas guiáronlles logo polo templo, declarado patrimonio da humanidade.