O conselleiro do Medio Rural, José González, anima aos empresarios e inversores a crear e fomentar actividade económica rendible no agro galego, aproveitando as oportunidades que ofrece. Fíxoo nun foro organizado polo Banco Santander e o xornal La Voz de Galicia sobre o futuro do rural.
José González quixo promover así no tecido empresarial e financeiro unha aposta polo rural, xa que, segundo explicou, presenta un próspero futuro grazas á súa singularidade, á calidade das súas producións e á súa diferenciación, como características que o definen.
O conselleiro reiterou que un dos obxectivos centrais da consellería é crear actividade económica en todo o territorio, para o que apostará pola mobilización de terras en desuso ou abandonadas. Para iso, estase traballando, dixo, nunha nova Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que se presentará no Parlamento este mesmo ano.
Neste sentido, José González sinalou que Galicia ten o 16,5% da superficie rústica de todo o Estado, a pesar de que só ocupa o 6% do territorio español. Iso supón, segundo explicou o conselleiro, que contamos con 11 millóns de parcelas catastrais repartidas entre case dous millóns de titulares. “Só Ourense ten máis parcelas catastrais que Andalucía e parte de Estremadura xuntas”, aseverou.
Para animar ese investimento no rural, o conselleiro lembrou o potencial da nosa comunidade en eidos clave como o lácteo, o vitivinícola ou o forestal. Así, en relación co primeiro, lembrou que os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e que a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, aproximadamente o 40% de España.
En relación co eido do viño, José González recordou que Galicia conta con máis de 15.000 viticultores incorporados a algunha das cinco denominacións de orixe, que acadan unha facturación de máis de 200 millóns de euros ao ano.
Sobre o sector forestal, o conselleiro salientou que, en números redondos, a metade das cortas de toda España se realizan en Galicia e que máis de 80.000 familias reciben ingresos pola venda de madeira, que xera uns 300 millóns de euros anuais.
Finalmente, José González situou tamén, entre as oportunidades para o investimento no rural, os 35 selos de calidade diferenciada no eido agroalimentario cos que conta Galicia e o importante crecemento da produción ecolóxica nos últimos anos, unhas cifras que se coñecerán nos vindeiros días, avanzou.