Adegas Galegas acaba de conseguir un ouro nos Best Awards 2019, os Premios
do Marketing Alimentario de España, polo packaging de D. Pedro Castes
Autóctonas. Trátase dunha edición limitada de catro viños monovarietais dos que só se
elaboraron 1.000 botellas. Esta colección cápsula revela o traballo realizado
durante anos dende o equipo de Enoloxía e Viticultura por coñecer, comprender e
expresar da forma máis respectuosa posible ás diferentes variedades autóctonas
de Galicia.
Os Best Awards 2019 entregaranse nunha gala o próximo 11 de abril, onde se
presentarán todas as pezas aspirantes en cada unha das categorías e na que se
outorgará o Premio Especial por parte do Comité Organizador, á traxectoria de
Marketing dunha empresa de alimentación e bebidas.
Este ouro foi concedido pola coidadosa presentación da colección, un deseño
do Estudo de Deseño Marta Lojo, que lle aporta unha imaxe sofisticada,
exclusiva e elegante. Este estudo consolidouse nos últimos anos como
especialista na creación e re-styling de marcas nacionais e internacionais do
sector alimentario e de bebidas.
Presentadas en botellas que lembran ao mundo da alta perfumería e os seus
produtos premium, pechadas de forma manual cunha elegante capa de lacre branco
cun acabado en diagonal. Na etiqueta podemos ver a mirada impenetrable de D.
Pedro de Soutomaior e, no colo da botella, una pequena tira que indica a
variedade que contén.
A colección preséntase dentro dun estoxo de cartón natural no que a mirada de D. Pedro Madruga volve a
ser protagonista. No seu interior os catro varietais preséntanse na orde de cata
recomendada polo enólogo da adega, Juan Posada.
Foi o pasado mes de novembro cando Adegas Galegas presentaba D. Pedro
Castes Autóctonas. Catro viños monovarietais elaborados con catro castes
indíxenas de Galicia como son a treixadura, coa súa floralidade e elegancia; a
loureira e a súa exuberancia e delicadeza; o caíño branco, coa súa frescura,
estrutura e persistencia; e as notas balsámicas e o fondo mineral do caíño
tinto.
D. Pedro Castes Autóctonas completa a gama de D. Pedro de Adegas Galegas,
na que podemos atopar tamén os seus coñecidos albariños D. Pedro de Soutomaior
e D. Pedro de Soutomaior Neve Carbónica, este último o albariño máis madrugador
do mercado que tamén estreou nova imaxe este nadal.