Parada de Sil opta, como finalista, a ser declarada Capital do Turismo Rural 2019

Parada de Sil, na Ribeira Sacra ourensana, figura como finalista para acadar a distinción de "Capital do Turismo Rural" 2019,. Nada máis coñécerse a nova, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, salientou que"este municipio conta con todos os elementos culturais, históricos, naturais e gastronómicos para ser declarado o mellor pobo turístico de España". "Se por algo se caracteriza Parada de Sil é pola singularidade da súa oferta turística, co seu territorio situado na Ribeira Sacra, un dos enclaves naturais máis fermosos do mundo, e polo que estamos a traballar para que sexa declarado Patrimonio Mundial pola Unesco", afirmou Baltar.

Parada de Sil, fianlista galego, compite con outros nove pobos de España,como Almagro (Ciudad Real), Buñol (Valencia), Cangas de Narcea (Asturias), La Hiruela (Madrid), Montblanc (Tarragona), Navaluenga (Ávila), Santillana del Mar (Cantabria), Setenil de las Bodegas (Cádiz) e Trujillo (Cáceres).

A páxina web da Deputación de Ourense habilitará un enlace ao portal: https://www.escapadarural.com/capital-turismo-rural para que os internautas que o desexen poidan votar a candidatura de Parada de Sil como "Capital do Turismo Rural" 2019. O pobo elixido de entre os finalistas darse a coñecer o vindeiro 9 de maio na web de Facebook de "Escapada rural".

Entre as excelencias de Parada de Sil figuran os mosteiros medievais, nunha orografía atravesada por un inmenso canón no río Sil cuxa profundidade chega ata os 300 metros. Aquí se atopa un dos mellores miradoiros da Ribeira Sacra, "Os balcóns de Madrid". 

Declarado municipio de interese turístico en 2015, Parada de Sil ten unha extensión de 62,4 quilómetros cadrados, preto de 600 habitantes e recibe a uns 50.000 visitantes ao ano.

No seu importante patrimonio histórico, monumental e paisaxístico destaca unha xoia do románico: o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, datado ao redor do século X, e conta tamén coa necrópole de San Victor -en San Lorenzo de Barxacoba-, unha das maiores necrópole rupestres de Galicia.

Xunto a isto, ademais dos Balcones de Madrid, figuran miradoiros como o da Columna, o de Tiguás, o de Cabezoás e o do Castro, así como a denominada "Fábrica de Luz", unha antiga central hidroeléctrica rehabilitada para albergue, xunto coa pasarela do río Mao, situada nun fermoso marco natural.

Ademais, o municipio conta coa Casa Museo do Chocolate en Teimende. Trátase dunha antiga fábrica de chocolate onde se poden ver as máquinas utilizadas para a elaboración tradicional do chocolate.

No ámbito dos deportes de natureza, Parada do Sil destaca por ter dúas rutas de sendeirismo homologadas (a de Canón do Sil-Santa Cristina e a do río Mao), ademais dos camiños de castaños e carriozas, aptos para que os nenos practiquen sendeirismo, e tamén ten tres das cinco rutas de bicicleta de montaña das que dispón a Ribeira Sacra.