O grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade concederá á Rede de Paradores de Turismo o seu Premio Patrimonio 2019. Así se acordou na Asemblea Xeral do Grupo, celebrada en Santiago. Este premio élle concedido cada ano a persoas ou institucións que destacaron na posta en valor ou conservación do patrimonio cultural, e o ano pasado recaeu na raíña dona Sofía.
O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, e o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, foron os encargados de dar conta dos acordos da Asemblea Xeral, nunha rolda de prensa na que tamén participaron os tres vicepresidentes do Grupo: o alcalde de Ibiza, Rafael Ruíz; o de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna; e o rexedor de Salamanca, Carlos García Carbayo. O alcalde salmantino recibiu no transcurso da asemblea a insignia do Grupo, tras a súa toma de posesión o pasado mes de decembro.
Martiño Noriega, anunciou a concesión a Paradores do Premio Patrimonio 2019 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e mostrou a súa satisfacción porque "este acordo se produza nunha Asemblea celebrada nun dos establecementos máis emblemáticos da rede, o Hostal dos Reis Católicos"
O presidente do Grupo e alcalde de Cuenca explicou que "nas súas 12 edicións, este galardón serviu para recoñecer o labor de persoas e institucións na protección e promoción do noso patrimonio, e as 15 cidades do grupo entendemos que Paradores de Turismo ten un papel moi importante neste sentido". Ángel Mariscal destacou que a entidade pública distinguida "coincide coas Cidades Patrimonio na súa aposta por un modelo turístico de calidade" e avanzou que a concesión do premio xa lle foi comunicada ao presidente de Paradores, Óscar López.
Ángel Mariscal tamén deu conta da reunión de traballo dos alcaldes e alcaldesas do Grupo de Cidades Patrimonio.Tal e como explicou, na sesión debateuse a proposta para a modificación dos Estatutos do Grupo, "que databan de 2008 e que necesitaban unha actualización para adaptarse ás novas necesidades dun grupo en crecemento". Ademais, os alcaldes e alcaldesas analizaron o novo Regulamento Económico-Financeiro do Grupo, que ata o de agora carecía desta ferramenta, que "axilizará notablemente o funcionamento da entidade".