A deputación de Ourense e o concello de Nogueira de Ramuín vén de editar conxuntamente unha publicación que pon en valor o barallete, a antiga fala dos afiadores.
Unha obra de Santiago Bonay López que leva por título "O barallete. O segredo mellor gardado" que foi ensalzada nunha reunión manteida entre o presidente da Deputación de Ourense e o alcalde de Nogueira de Ramuín, Manuel Baltar e César Parente.
Baltar asegurou que a obra sobre o barallete "actualiza e afonda nunha das tradicións etnográficas máis importantes da nosa provincia", salientando que a Deputación de Ourense "apoia o barallete, máis que unha canle de comunicación, un modo de confraternizar coa raíz da nosa cultura", e remarcando "o carácter singular e propio que ten esta xerga".
A obra analiza a historia dos afiadores e da súa fala, estudando vocablos, compostos léxicos, escritos, poesías e as expresións máis características desta canle de comunicación dos afiadores, un ámbito que a Deputación de Ourense apoia con iniciativas como a do futuro Museo da Roda de Afiar, da man de Florencio de Arboiro, e outras iniciativas didácticas e sociais "que contribuirán a seguir poñendo en valor a historia, a cultura e as tradicións do mundo dos afiadores", expresa Manuel Baltar.
A creatividade dos afiadores, afirma Baltar, "fixo posible poñer en valor un "idioma" propio para axudarlles no seu oficio, para salvalos en moitos casos de situacións comprometidas e sempre para gañarse a vida. Eles reúnen as características: traballo, creatividade e emigración, e coas súas rodas defenderon a milleiros de quilómetros de Ourense un proxecto de vida, erixíndose en grandes embaixadores da nosa terra".