A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra cumpre 20 anos

A Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, que traballa en prol da divulgación do Camiño de Inverno a través das provincias de Lugo e Ourense, celebrou esta fin de semana o seu 20 aniversario cun acto que contou coa participación dos conselleiros de Economía, Francisco Conde, e Turismo, Román Rodríguez. 


O titular de Turismo da Xunta aproveitou para felicitar aos integrantes da asociación polo seu incansable labor, facendo un repaso por unha traxectoria con fitos como a oficialización desta ruta tras a aprobación da Lei de patrimonio cultural de Galicia, en 2016. “A vosa implicación permitiu avalar a singularidade deste itinerario, que representa unha magnífica oportunidade de desenvolvemento do territorio como elemento tractor económico e como fonte de xeración de recursos”.

Outro dos fitos conmemorados na celebración deste aniversario foi a inclusión da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, “unha candidatura que recoñece o valor universal excepcional deste territorio no que nos atopamos”, declarou o titular de Cultura e Turismo. “Estamos a falar dunha paisaxe viva composta por monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e do Miño para o desenvolvemento da viticultura heroica e, tamén, dun territorio que representa un exemplo único do monacato de Occidente”, explicou Román Rodríguez. Así mesmo, asegurou que acadar este recoñecemento suporía unha maior atracción turística e un impulso en termos económicos.