Tralo devastador incendio que calcinou na madrugada do mércores as Termas da Chavasqueira en Ourense, as institucións ourensanas apresuráronse a comprometerse coa súa recuperación.
O presidente da Deputación ourensana, Manuel Baltar, visitou os restos do complexo termal acompañado co alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Baltar garantizou dende un primeiro momento o apoio da institución provincial "para que as termas da Chavasqueira volvan ser un emblema da capital termal de Galicia".
"Agora toca pensar en positivo, poñernos todos a traballar, e cooperar no ámbito loxístico, económico, e o que sexa necesario; poñer todos os esforzos para que volva reabrir co mesmo esplendor que tiña e que siga sendo un dos símbolos termais da cidade e da provincia de Ourense", expresou Manuel Baltar, destacando que as administracións "temos a obriga de colaborar automaticamente cando acontecen sucesos como este, e a contundencia da resposta e do apoio da Deputación de Ourense existe desde o minuto un".
Pola súa banda, Jesús Vázquez tamén expresou o seu compromiso para activar dende xa a cooperación institucional para “sumar entre todos” e devolverlle A Chavasqueira a Ourense.
O incendio que calcinou o complexo termal –no que non houbo que lamentar danos persoais- tivo lugar nas primeiras horas desta pasada madrugada por causas que a policía científica está a investigar, unha lapas que destruíron por completo a estrutura de madeira da edificación. Durante varias horas efectivos de bombeiros traballaron no lugar do sinistro, que esta mañá permanecía acordoado e custodiado pola Policía Local por perigo de derrube da estrutura calcinada.