
Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolverase entre o 3 e o 5 de maio en Ribadavia e celebrará a súa inauguración o vindeiro venres ás 19.00 horas. Trátase dunha “festa de reivindicación do Ribeiro como territorio, así como historia, tradición. O Ribeiro é moito máis que viño”, indicou o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares.
Durante a súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro subliñou o papel fundamental que desenvolve o Consello Regulador, “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico.”. Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a denominación de Orixe que preside, “O Ribeiro precisa fotos con texto, isto é require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio nidio da Deputación Provincial de Ourense.”
Segundo Juan M. Casares, “todos os nosos esforzos estanse a encamiñar a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un dos escaparates da provincia de Ourense no mundo.”
O tamén Presidente da Ruta do viño do Ribeiro repasou as actividades que se están a levar a cabo dende esta entidade complementaria ao C.R.D.O. na promoción do Ribeiro como destino enoturístico, “A campaña O Camiño do Viño está a ter unha gran acollida. O venres, nunha conferencia na Rioxa, nos felicitaron pola iniciativa. Coido que imos no camiño correcto cara a promoción e posta en valor do territorio e de todos os nosos recursos, incluído o patrimonio arquitectónico cultural ligado ao viño máis importante da península ibérica..”
Pódese consultar o programa completo e as actividades na web: www.feiravinoribeiro.com