HILO DIRECTO CON... Ana Vázquez, maestra queixeira de Airas Moniz


No último Salón Gourmets de Madrid unha das alegrías para Galicia foi o recoñecemento do Savel da queixería Airas Moniz como mellor queixo azul de España. Falamos coa súa maestra queixeira, Ana Vázquez, sobre este recoñecemento.

¿Qué supón para vós a medalla de ouro do Salón Gourmets?

É un recoñecemento a nivel nacional do noso queixo azul, son un montón de catadores con prestixio no mundo do queixo que se decantan dentro de todos os azuis que se presentaron polo noso. É un orgullo.

¿Cómo describirías o Savel?

O Savel é un queixo azul, con moitas similitudes na forma de elaboralo co Stilton inglés, aínda que con certas diferencias. É un queixo con certa intensidade inicial cando o tomas, cun longo recorrido en boca. Persiste o sabor e vanse notando diferentes matices. É un queixo moi untuoso, cunha cremosidade… É como se estiveras tomando manteiga azul, así o definiu un dos críticos gastronómicos.

Este premio tamén proba que se están facendo cousas interesantes máis alá dos formatos clásicos das denominacións de orixe...

Xa non empezamos nós, houbo outras queixerías que comezaron a facer queixos distintos. Nós o que queríamos era poñer en valor unha forma de facer queixo moi artesanal, moi ligada ao territorio. Conseguímolo co leite das nosas propias vacas, que pastan nas nosas pradeiras… Estamos recuperando os vellos prados con herbas autóctonas que lle dan algo máis de carácter ao noso leite e aos nosos queixos.

Ademais do Savel, ¿qué máis queixos producides?

Temos dous queixos máis, unha pasta prensada semicocida cunha forma de elaborar parecida á do Gouda. Un queixo moi suave, con pouco recorrido en boca e sabor a manteiga, a froitos secos… Pero quizais é o queixo que menos poña en valor o noso leite, agora mesmo temos que deixar de facer un por espacio e probablemente sexa este.

Pero despois temos unha pasta branda que se chama Terra, feita de xeito tradicional, como a facían as nosas bisavoas nas nosas casas. Nós simplemente o que fixemos foi deixar saír cortezas naturais para que lle den máis carácter. Chámase Terra en honor ao queixo tradicional, é o queixo da terra. Pero ademais ten notas a champiñóns, olor a terra mollada… Este queixo tamén foi premiado hai dous anos en Gourmets cunha medalla de bronce.

E supoño que naquel momento sería unha inxección de forzas tremenda...

Encántanos o premio do Savel, pero a emoción coa que recibes o primeiro premio despois de levar dous meses fabricando queixo é difícil de olvidar e incluso de repetir.