Lucus Icenas Miliatore, á raíña da tribu icena britania incorpórase o Arde Lvcvs

O Arde Lvcvs cumpre a maioría de idade,  18  anos,  cunha nova asociación luguesa de recreación histórica que suma a recreación, formada, nada máis nin nada menos, que por 11 mulleres.

Trátase de Lucus Icenas Miliatore, que representa á raíña da tribu icena britania, Boudica, que liderou aos pobos celtas britanos contra o asedio romano, gañando varias batallas. Son símbolo de forza e loita e irán caracterizadas de xeito moi colorido e vistoso.

Este novo colectivo foi presentado este venres pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, no patio central do Vello Cárcere, onde lles agradeceu o traballo, que xunto ao dos outros colectivos farán que os festexos sigan medrando, ata conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional.

Lucus Icenas Miliatore participará xunto ao resto de asociacións no desfile central do Arde Lvcvs, que se celebra todos os anos o sábado, en xornada de tarde. Ao longo da celebración da festa, do 14 ao 16 de xuño, tamén realizarán un obradoiro de maquillaxe para nenos e nenas.

Todas as mulleres interesadas en sumarse a esta asociación poden facelo a través do enderezo electrónico lucusicenasmiliatore@gmail.com.