
Pero máis aló de Roncero, o Concello de Melide nomeará aos embaixadores e embaixadoras da festa, que se comprometen a poñer en valor e dar a coñecer os doces únicos no mundo da comarca melidense. Nesta edición, os galardoados serán 8 persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.
Como ven sendo habitual, a cita gastronómica contará tamén cun amplo programa lúdico e cultural para todos os públicos, con actividades que se repartirán ao longo de todo o fin de semana do 11 e 12 de maio, e entre as que se encontran actuacións musicais a cargo de Claudio Spadi – músico oficial de Florencia, Italia – a banda tributo a Sabina La Pénultima, Gin Toni’s e, xa o domingo, o coñecido grupo Milladoiro. Tamén terán o seu lugar na festa a agrupación de música tradicional Froito Novo e a Banda de Música de Arzúa, ademais de animación de rúa coas charangas Ardores e Santa Compaña. Os máis cativos da familia poderán gozar do espectáculo Radio Bule Bule de Paco Nogueiras.
Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no Café Casino de Santiago de Compostela, a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, manifestou a súa satisfacción por “ter un chef da talla de Paco Roncero na Festa do Melindre, o que demostra a forte aposta feita dende o Concello para continuar situando a Melide e a súa repostaría no mapa gastronómico nacional”.
Coma pistoletazo de saída, o Concello de Melide porá en marcha ata o vindeiro 3 de maio, o Coffee Tour da Festa do Melindre, que repartirá entre os clientes dos principais cafés históricos de Galicia melindres, ricos e amendoados como petisco doce. Tralo inicio no Café Casino de Compostela, a ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra; o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña; o 1 de maio no Café del Centro de Lugo; o día 2 en La Coruñesa de Ourense; e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.