A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 45.051,94 euros a redacción dos proxectos técnicos para a construción das Sendas dos Faros, unha das iniciativas incluídas no Plan Director de Mobilidade Ciclista da institución provincial.
A adxudicación supón inicio da redacción dos proxectos de obra de sendas ciclables que conectarán 11 faros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal, Costa da Morte e Muros cos seus núcleos de poboación máis próximos.
Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.
O investimento estimado para facer realidade este proxecto ascende a 5,1 millóns de euros. Para o seu desenvolvemento solicitouse financiamento a través dos fondos FEDER, en concreto ás axudas que convoca o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético ) dentro do marco das Axudas a Entidades Locais para proxectos de investimento no ámbito da economía baixa en carbono.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que con este proxecto, a institución provincial pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e Muros e seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio natural na provincia, aplicando un modelo que, ademais de servir como elemento de vertebración do territorio, axude a dinamizar o turismo
O goberno provincial considera que este proxecto terá unha grande importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.