Que non se perdan na memoria as grandes novas sobre desenvolvemento de proxectos enoturísticos que publicamos no número anterior. Tense vendido moito fume sobre este recurso turístico no noso país, non materializado, entendemos que principalmente, por culpa do intervencionismo da sociedade política dominante máis próxima aos proxectos, preponderando compadreo caciquil onde había que dotar de formación e estilo, perfil e xeito para un produto distinto. Dúas iniciativas privadas aportan confianza sobre que é posible, e outra se suma á oferta de prestixio, como se deduce da glosa coa que iniciamos a sección Directo-r.
Xa na edición desta revista coa que pechamos o ano pasado (HGg&T número 216) abordamos con representantes dos consellos reguladores este asunto de vital importancia socioeconómica, un pilar para o freno dos “territorios baleiros” que tanto cuspe lle fai gastar aos políticos nesta campaña electoral para o Congreso español.
Buscamos, busquemos, albiscar un futuro, ideas equilibradas e realistas, sobre as que articular unha aplicación igualmente realista. Posteriormente, unha xornada de traballo celebrada na comarca do Ribeiro convocada polo PSOE ourensano, veu coincidir coa publicación nesta revista de senllos reportaxes sobre proxectos que semellan ser moi serios, ámbolos dous xunguidos polo Miño, pero con formulacións distintas, ergo, alternativas diferentes, por conseguinte, enriquecedoras e diferenciadoras: a de Terras Gauda no Rosal (asociada ás adegas que posúe no Bierzo e na Ribera del Duero) e da adega cooperativa do Ribeiro. Vexo nun caso un enfoque cara a exclusividade cualitativa e diferencial, no outro o apego, vencello e oportunidade vivencial dos temas e os días.
Outros proxectos precedentes -Pazo Baión en Rías Baixas, Regina Viarum ou Vía Romana na Ribeira Sacra, por destacar o exemplo de grupos de dimensión considerable- demostran que é posible e rendible o desenvolvemento do enoturismo en Galicia. Demóstrano adegas como estas grandes, e algunha outra máis pequena. Pero nestas de menor o mediana dimensión, resulta ser, máis ben, unha oferta residual. Agora súmase Granbazán a esa oferta de calidade e plural. Calquera proxecto de entidade agroturística deberá ser contemplado coas mesmas teses.
Preconizamos naquela xornada de traballo no Ribeiro que cómpre crear un produto integral e integrado, adaptado a cada dimensión, e formar aos anfitrións nun xeito, nunha maneira de facer. Terraviño- cultura= recursos turísticos diferenciados. Sen plan, pódense despilfarrar os ulteriores medios. E sen medios, non hai plan.