A VIII edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia promocionaranse dende hoxe polas rúas das cidades galegas a través dun enocabaret que dará a coñecer a importancia do mundo do viño e incluirá pasarrúas, actuacións de cabaret, concertos, ou catas de viño, entre outras actividades
A primeira parada é hoxe, luns 29 de abril nas rúas do centro da Coruña, continuará o 3 de maio, en Vigo; o 6, en Pontevedra; o 9, en Santiago de Compostela e o 14, en Ourense.
En todas as localidades, a programación dará comezo pola mañá e continuará durante todo o día en diferentes rúas e prazas do centro das cidades. O espectáculo arrancará ás 10,30 horas, ao que seguirá un pasarrúas e unha actuación de cabaret, ás 12:00 horas. A música popular chegará ás 13,00 horas cun concerto de música popular sobre o viño e ás 14:00 horas, os participantes poderán gozar dunha cata amenizada por un concerto de piano. Xa pola tarde, ás 17,00 horas terá lugar outro pasarrúas e a xornada concluirá ás 18,00 horas cun novo concerto.
A través de todas estas accións prepáranse así a nova edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, a iniciativa emprendida pola Consellería de Cultura e Turismo para promover as diferentes Denominacións de Orixe vitivinícolas galegas -Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras- e dar a coñecer a cultura do viño entre o público xeral.
Celebrarase en xuño e contará cun completo programa de actividades que inclúe desde visitas guiadas ás adegas e degustacións e catas dos caldos ata menús deseñados para a ocasión, desprazamentos no Bus do Viño ou ofertas especiais de aloxamento. As actividades desenvolveranse durante as fins de semana do 7, 8 e 9 de xuño (Rías Baixas e Ribeiro) e do 14, 15 e 16 do mesmo mes (Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras).