Volve o SacraFestival con Mercedes Peón como prato forte

Os vindeiros días 31 de maio, 1 e 2 de xuño celebrarase nos concellos de Chantada e O Saviñao a terceira edición do SacraFestival, unha iniciativa multidisciplinar que une gastronomía, enoloxía, música, danza, cine e formación de novos talentos, con Residencias Artísticas e obradoiros formativos, e que aposta pola paisaxe e por un concerto de Mercedes Peón como grandes atractivos. 

O festival foi presentado polos organizadores e por diversas autoridades entre as que estaba a deputada de cultura da deputación, Pilar García Porto, que aproveitou para destacara que “a cultura non poden ser só as grandes citas nos grandes centros culturais, con pequenas accións, feitas con cariño e coidado como é este festival conseguiremos poñer en valor todo o que somos e o que podemos ofrecer desde calquera recuncho da nosa provincia”. 

O SacraFestival conta cun programa variado no que se inclúen proxeccións, espectáculos de danza, rutas, catas de viños ou concertos como o de Mercedes Peón ou o músico Electropop Baiuca, sumando un total de 15 actividades divididas en diferentes puntos dos concellos de Chantada e O Saviñao, mostrando ademais un compromiso coa sustentabilidade, integrando as actuacións nos espazos xa existentes. 

García Porto tamén quixo destacar que “a paisaxe é un dos grandes reclamos turísticos desta comarca, unha potencialidade que desde o Goberno da Deputación sempre vimos e quixemos potenciar, co apoio a Candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade ou colaborando e implicándonos en diferentes iniciativas culturais e turísticas como é o SacraFestival”.